domingo, 30 de marzo de 2014

Música, rondallas e 'bicos' de laranxa e chocolate
en homenaxe ás Pepitas de Ferrol

Como todos os anos, pola festa de San José, saíron polas rúas de Ferrol as rondallas cantando á muller ferrolana.


A historia das Pepitas.
Está nas raíces da historia do Ferrol, e nin os cambeos sociais poderon con ela.
Foi en 1902 cando naceu 'A Noite das Pepitas, tal e como se coñece hoxe . Nos anos sesenta do pasado século adquiriron aínda maior relevancia, xa que déronlle rango institucional.
Pero xa no século XIX hai testemuños gráficos e escritos da rolda a determinadas mulleres ferroláns para destacar as súas virtudes.
'Os cabaleiros de Esteiro' sería o primeiro grupo, en 1886.
As súas cancións son valses, danzas e habaneiras, que calaron en Ferrol pola chegada de persoal andaluz e valenciano aos estaleiros e ao Arsenal Militar, e tamén pola elevada inmigración a Cuba.
Elegantemente vestidos, as súas roupas van acompañadas de capas negras, lazos, fitas ou escarapelas. Laúdes, mandolinas ou bandurras, xunto ás súas voces, fan o resto.

Os ferroláns botáronse á rúa para escoitar o seu son máis tradicional na xornada en que se enxalza ao amor e á beleza das mulleres da cidade. Dende a mañá do sábado ata ben entrada a madrugada, o casco histórico con forma de tableta de chocolate vólvese máis doce que nunca por unhas horas ao ano, baixo a música e as mulleres.
O coliseo ferrolán acolleu na mañá do sábado a habitual recepción ofrecida polo Concello ás rondallas. Nese acto, destácase a traxectoria de letristas e músicos involucrados no mantemento deste legado histórico. O poeta Pedro Xosé Blanco Llano e os rondallistas Juan Vázquez Seijo e Miguel Gago.
Para despois seguir cantando dende primeira hora da tarde do sábado polas rúas da Magdalena, partindo dos barrios de Ferrol Vello, Ultramar, Caranza, Canido e o Ensanche.

Por que as Pepitas en torno ao día de San José?
Antano era dos escasos días de libranza para os operarios dos estaleiros e o de Pepa era un nome moi estendido entre as mulleres.

O postre típico
Como bo festexo que se prece, hai doce dedicado: o Bico, con forma de corazón e cunha receita de biscoito de cacao, e cobertura de chocolate negro e crema de laranxa.


Para recordar esta data, Sargadelos presenta cada ano por marzal un prato de cerámica na súa honra.



No hay comentarios:

Publicar un comentario