Ferrol,
1936. Tres días de xullo.
LUNS,
20.
Parece un día laboral
normal, os obreiros do estaleiro están traballando.
Todo cambia ás tres e cuarto
da tarde, cando explotan tres foguetes, lanzados preto do Arsenal.
Un grupo numeroso de xente forma diante das intalacións da Mariña
pedindo armas, pero na Porta do Dique impídese a entrada dos
manifestantes, disparando sobre eles infantes de Mariña.

A partir deste momento teñen
lugar, case simultaneamente, a detención do contralmirante Azarola,
fiel ao Goberno republicano, no seu despacho de xefe do Arsenal, e as
detencións dos mandos que apoian o golpe no acoirazado "España"
e no cruceiro "Almirante Cervera" por parte da mariñeiría
dirixida polos cabos.
Dende o Goberno Militar
ordénase que unha batería de artillaría avance polo centro da
cidade. A compañía pasa pola Praza de Armas e diríxese a Amboage.
No seu percorrido é hostilizada por civís armados que se refuxian
nas bufardiñas e nas partes altas dos edificios.
Os artilleiros desaloxan
algunhas casas, tomándoas ao asalto con granadas de man. Mentres, o
cuartel de artillaría recibe disparos de fusil dende a estación do
ferrocarril e vivendas dos arredores; son disparos dos obreiros da
Construtora Naval e mariñeiros do Arsenal, os uniformes brancos dos
mariños destacan claramente. A pesar da resistencia, as forzas de
artillaría ocuparán a central de teléfonos, a praza de abastos e a
xeradora de electricidade.
Do cuartel de Dores, en
Fontelonga, unha sección de Infantaría de Mariña sae a ocupar o
barrio de Esteiro. Ao chegar aos Cantóns, fronte ao Concello,
prodúcese a confusión da xente aglomerada que vitorean aos
militares crendo que van defender a República; o alcalde socialista
Santamaría sae a recibilos, pero os disparos ao aire dos infantes
desenganan a todos das súas intencións. Santamaría refúxiase de
novo no edificio onde se atopan os concelleiros
Manuel Morgado González del Valle, Federico
Pérez Lago,
Adolfo López Sánchez, Ventura Díaz Lojo y Francisco del Río
Barros. e o presidente da xestora da Deputación Provincial, o
ferrolán López Bouza, de Esquerda Republicana, entre outros.
MARTES,
21.
Un grupo do rexemento de
Artillaría de Costa descarga dous canóns de 9 mm de calibre dun
camión e adiántanos ata deixalos a sesenta metros da casa do
Concello, todo iso baixo tiroteo. Dentro do edificio municipal, con
sacos de terra nas fiestras, pasaron a noite uns setenta homes: o
alcalde, o presidente da Deputación López Bouza, o tenente de
alcalde socialista Morgado e outros concelleiros, máis corenta
gardas municipais e mariñeiros do "Cervera". Diante da
ameaza de ser canoneados saen ás nove e media da mañá e entréganse
ao comandante dos artilleiros, que ocupa interinamente a alcaldía.
Os militares prometeron a
Santamaría que non habería represalias se se rendían. O número de
detidos neste día ascende a 125, dos que 41 serán executados nos
tres meses seguintes.
As forzas de artillaría
asaltan despois a Casa do Pobo. Tras seis disparos de canón, tómase
con granadas de man. Os socialistas foxen por unha porta traseira.
Rematada a resistencia
civil, os artilleiros despréganse polos tellados dende onde fan fogo
de metralladora sobre o cruceiro "Almirante Cervera", que
se rende ao atardecer.
MÉRCORES,
22.
Os cabos e mariñeiros do
acoirazado "España" son os últimos en entregarse: ás
7.30 da mañá. Trinta e dous deles serán fusilados nunha soa
xornada a finais de decembro.
En Ferrol vence a
sublevación, despois de tres días de loita con 33 mortos e un cento
de feridos.
En Galicia
o Alzamento esténdese desde as cidades ás vilas e antes de terminar
xullo a II República rematou na nosa terra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario